5 sept 2013

Vixilia de Oración pola Paz na Catedral de Santiago de Compostela



Queridos diocesanos:
Reiniciamos as tarefas pastorais propias do quefacer ordinario na vida diocesana. Os retos que se nos presentan non son poucos e habemos de afrontalos coa alegría da fe e co sentido de pertenza á Igrexa diocesana, conscientes de que non habemos de perder a realidade do misterio inherente nela.

Xa dende agora anímovos a avivar o compromiso nas tarefas parroquiais e diocesanas. Ademais da Asemblea diocesana que terá lugar o 5 de outubro e do obxectivo concreto que nos propón o Plan Pastoral Diocesano para este curso pastoral co lema: “A Palabra de Deus testemuñada”, penso en concreto no discorrer do Sínodo diocesano que ha de ser un acontecemento de graza que nos axude a facer un discernimento sobre os problemas que temos formulados e poder dar a resposta axeitada ás necesidades pastorais coas que nos encontramos.

Neste sentido non podemos sentirnos alleos ás preocupacións manifestadas polo Papa que concretamente nos chama a facer unha xornada de xaxún e de oración. “Por isto, irmáns e irmás, acábanos de dicir, decidín de convocar para toda a Igrexa, o 7 de setembro próximo -vixilia da Natividade de María Raíña de la Paz- unha xornada de xaxún e oración pola paz en Siria, no Medio Oriente e en todo o mundo. E tamén invito a unirse a esta iniciativa, do xeito que consideraren máis oportuna os irmáns cristiáns non católicos, aos que pertencen a outras relixións e aos homes de boa vontade... A humanidade necesita ver xestos de paz e oír palabras de esperanza e de paz. Pido a todas as Igrexas particulares que ademais de vivir este día de xaxún, organicen algún acto litúrxico segundo esta intención”.

Secundando este convite pídovos que nos unamos a toda a Igrexa co noso xaxún e oración neste día. Na Catedral celebraremos unha Vixilia de Oración ás nove da tarde, pedíndovos que nas parroquias da Diocese se programe algún acto litúrxico con esta intención. Encomendando os froitos pastorais deste curso ao patrocinio do apóstolo Santiago e á intercesión da Virxe María, saúdavos con todo afecto e bendice no Señor.
+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela